O persoal Auxiliar Técnico Educativo proporciona apoio e asistencia aos alumnos que carecen dunha correcta autonomía nas tarefas relacionadas coa súa hixiene, alimentación ou desprazamento, polo que xoga un papel fundamental no benestar diario do alumnado do centro.
Atende as necesidades básicas incluíndo os cambios de roupa, a administración de medicamentos e outros coidados de saúde. Así mesmo, facilita a mobilidade ao alumnado con necesidades educativas especiais sen autonomía, realiza o acompañamento e axuda nos seus desprazamentos.
O papel da ATE vai máis aló dos coidados físicos e asistenciais ao colaborar no afianzamento e desenvolvementos das capacidades dos alumnos nos aspectos emocionais, promovendo unha maior autonomía persoal e integración social. É unha figura de apoio emocional e social ao alumnado. Esta atención facilita un ambiente educativo inclusivo e accesible para todos. Grazas ao seu traballo podemos garantir que cada alumno/a reciba a atención individualizada que precisa, reforzando así o noso compromiso cunha educación de calidade e unha atención integral.